Letras galegas 2025





O latexo da tradición


Neste 2025, as letras galegas  queren poñer en valor ás pandeireteiras, mulleres que fixeron da pandeireta e da súa voz unha ferramenta de resistencia e de transmisión cultural. O seu ritmo foi a base da nosa música popular e, a través destas lecturas, queremos que o alumnado coñeza a importancia deste patrimonio inmaterial.

O 17 de maio é unha data sinalada para toda Galicia: o Día das Letras Galegas, unha xornada para celebrar a nosa lingua e a riqueza cultural que nos define como pobo. Este ano, desde a biblioteca queremos propoñervos unha selección de libros moi especiais que teñen como fío condutor a música, a tradición oral e o orgullo pola nosa identidade.


De 3 a 5 anos


Coas miñas mans




  • Autor: Pablo Díaz
  • Editorial: Galaxia

Un libro musical que propón un xogo didáctico a través das mans. Con ilustracións cheas de cor e letras sinxelas, “Coas miñas mans” é ideal para traballar a psicomotricidade, o ritmo e a expresión corporal nos máis pequenos. Ao tempo que se canta, tamén se aprende a contar, recoñecer as cores, falar das estacións ou dos alimentos. Acompañado de cancións que poden ser interpretadas cos dedos, este libro transforma a lectura nun espazo de xogo e descubrimento.


Non hai berce coma o colo



  • Autor: Paulo Nogueira
  • Editorial: Kalandraka



Un libro-disco que recolle arrolos tradicionais galegos, transmitindo a calor do berce e a tradición oral de xeración en xeración. Cada canción está reinterpretada por grandes artistas da nosa terra, ofrecendo melodías doces e coidadas que invitan á calma e á tenrura. Unha proposta perfecta para manter viva a tradición musical galega nas primeiras idades, espertando nos pequenos o gusto pola nosa cultura a través do son.


De 5 a 6 anos


A nena e o grilo / A nena e o grilo nun barquiño






  • Autor: Magín Blanco García
  • Editorial: OQO Editora



Magín Blanco crea un universo máxico e musical onde A Nena e o Grilo son protagonistas de historias cheas de imaxinación e valores. Estes contos cantados falan de amizade, liberdade e diversidade, cun ton alegre e pegadizo. O libro complétase con cancións que animan á participación activa das nenas e nenos, facendo que a lectura sexa tamén unha experiencia musical. A Nena e o Grilo viaxan a lugares onde non existen as fronteiras e onde todo é posible grazas á creatividade.


De 7 a 9 anos


Sei cantar e sei bailar




  • Autora: Eva Mejuto
  • Editorial: Xerais



Este álbum ilustrado é unha homenaxe á memoria das mulleres que, de maneira anónima, mantiveron viva a nosa música, poesía e cultura popular ao longo dos séculos. A autora destaca o labor das pandeireteiras e de todas aquelas mulleres que, sen recoñecemento, transmitiron o noso patrimonio oral e musical. As ilustracións delicadas e a linguaxe poética fan deste libro unha lectura emotiva que axuda a comprender a importancia da tradición e da voz feminina na cultura galega.


De 10 a 12 anos


Sáínza a Punkireteira




  • Autora: María Canosa
  • Editorial: A Costureira Edición



Un álbum ilustrado dirixido á rapazada e á adolescencia que mestura tradición e modernidade cun ton rebelde e divertido. Sáínza, a protagonista, é unha nena que reivindica a natureza, a lingua galega e a música tradicional ao tempo que rompe cos estereotipos, mostrando que tamén hai sitio para o punk, os zocos e a pandeireta nun mesmo escenario. A historia convida a reflexionar sobre a diversidade e o valor de manter vivas as raíces, mesmo cando as expresamos dunha maneira diferente ou máis actual.


Galicia: MusiCalidade




  • Autor: Noel Turbulencias
  • Editorial: Verkami



Un libro ilustrado que percorre a música galega contemporánea, amosando a diversidade de estilos e artistas que forman parte do noso panorama musical. Desde o legado dos míticos Golpes Bajos ou Siniestro Total ata bandas e propostas actuais como Grande Amore ou The Rapants, pasando polo folk de Carlos Núñez ou o punk de Terbutalina. Galicia: MusiCalidade é unha homenaxe ao carácter aberto e plural da nosa música e ao espírito creativo que caracteriza aos músicos galegos de todas as épocas.








Comentarios

Entradas populares